Buscar neste blog

3 de feb. de 2009

O auditorio aspira ao premio de arquitectura Mies Van der Rohe

O auditorio proxectado por Manuel Gallego, xunto coa Casa do Concello e o Museo da Conserva


O auditorio multiusos da Illa de Arousa, do arquitecto Manuel Gallego, foi nominado aos prestixiosos premios de arquitectura Mies Van der Rohe 2009, convocados pola fundación do mesmo nome e a Unión Europea. O concurso, dotado cun galardón de 60.000 euros, fallarase no mes de maio e nel compiten 340 obras europeas, incluidas 37 de España. O auditorio arousán e o Centro das Artes da Coruña son as únicas construcións galegas que participan na competición.

A pasarela peonal: argumentos en contra

Camiño de terra no parque de Carreirón

Un dos proxectos urbanísticos que se propón levar adiante o concello no vindeiro ano é a construción dunha senda peonal arredor de toda a illa, exceptuando o perímetro do parque natural de Carreirón. A primeira fase da obra xa foi adxudicada por Costas e discorrerá entre a praia do Bao, onde xa hai creado un primeiro treito de pasarela de madeira, e a praia de Salinas.
Nun principio, a idea de poder darlle volta á illa nun cómodo paseo pola beira do mar resulta atractiva tanto para os cidadáns locais como para turistas. Pero unha reflexión máis fonda pódenos levar a cuestionar esta iniciativa. ¿É necesario intervir en toda a liña de costa? ¿Ten que haber un paseo marítimo por Gradín, a praia do Peixe e Espiñeiro? ¿Tamén as Ruvas e a punta do Campelo teñen que quedar ao descuberto para os visitantes?
A instalación dunha pasarela litoral converte en accesibles para as masas todos os recunchos naturais, os poucos que quedan, aínda virxes e resgardados do turismo. O recurso aos "paseos marítimos" pode ser axeitado para certas zonas da illa, pero non semella sostible estendelo a todas as praias. Ás veces, é moito máis seductor, incluso para os turistas, manter o misterio dun carreiro de terra entre silvas e toxos, aínda que piquen.

Os blogs dos alumnos de informática

Captura de pantalla do blog de Paula, alumna do instituto da illa

Os alumnos e alumnas da asignatura de informática do IES Illa de Arousa están a construír cadanseu blog, como parte da súa aprendizaxe do uso das novas tecnoloxías. Xa verán que inclúen algúns contidos referidos á illa. Un dos últimos exercicios nos que están traballando é no deseño dun negocio viábel para a Arousa, como poden comprobar no blog de Adrián Cores.