Buscar neste blog

17 de abr. de 2008

Camaxe sona a folk

Así de pronto, pode resultar estraño que un grupo de folk xurdido en Bélxica leve o nome dunha praia da Illa, Camaxe. Pero non o é tanto, se sabemos que o seu fundador é Miguel Allo, un gaiteiro arousán fillo de emigrantes. As composicións de Camaxe están inspiradas na tradición galega, e os arranxos, abertos a todas as influencias. Aí queda un vídeo dunha actuación en Loon Plage (Francia).


Camaxe
Cargado por Phil-Ketels

16 de abr. de 2008

Mapa de praias


A invasión do Carpobrotus

O carpobrotus na praia de Camaxe


Manto púrpura de carpobrotus en Con Cerrado

Esta planta invasora está presente na costa do Salnés.
Nas illas do Mediterráneo levan anos loitando contra ela

O aspecto do carpobrotus, nun día de chuvia

O carpobrotus é unha planta de rechamantes flores rosadas, orixinaria de Sudáfrica, que medra en chans salinos e areosos. Está considerada unha especie invasora de gran poder colonizador, que cubre totalmente a superficie na que medra, provocando a desaparición de especies autóctonas. Na illa xa hai unha década que está presente nalgunhas praias como a de Gradín, pero agora ameaza con converterse nunha praga. Nas imaxes, fresquiñas da chuvia de hoxe, podedes ver como extende o seu manto de beleza envenenada de Camaxe a Con Cerrado.

Calendario de dornas a vela

A Xarandeira nunha manobra de cambio de vela, a pasada tempada

A Federación Galega pola Cultura Marítima xa deu a coñecer o calendario de actividades deste ano, no que se combina a participación en encontros e eventos lúdico-culturais coas regatas competitivas do Trofeo Galicia. A tempada comeza na Illa, o día das Letras Galegas, cunha regata-pachanga, e a competición tamén se inicia en augas carcamás, o sábado 7 de xuño, coa celebración da IV Regata Fasquía.
Ao longo do verán, aínda terán lugar outras dúas regatas de dornas na Arousa, a XXIV Volta á Illa, a máis antiga das que se celebran en Galicia e que supuxo o primeiro pulo a prol da recuperación da vela tradicional, e a Regata do Bao, a única con saída desde terra.