Buscar neste blog

4 de abr. de 2008

Máis blogs do instituto


O IES Illa de Arousa non ten web oficial, pero si uns cantos blogs. Os dous que presentamos agora están relacionados coa práctica e o goce literario. BibliArousa quere ser un punto de encontro dos usuarios da biblioteca do “insti”, e Cóntoche un conto é o espazo no que os alumnos de primeiro de ESO do obradoiro de escritura penduran as súas creacións literarias.

Educación intercultural: A Illa e Senegal


“A Illa é un pobo que ten unha íntima relación co mar ao igual que Senegal. Senegal chámase o país da Teranga, a hospitalidade. Os habitantes da Illa son de tradición solidaria e cooperan entre eles, valores que se manteñen pola ausencia de comunicación directa co continente ata hai só 22 anos, en que se construíu a ponte”.

Este extracto pertence ao proxecto educativo Kasumai, que establece pontes, a través da rede e do coñecemento mutuo, entre os rapaces arousáns e senegaleses. A idea naceu a proposta do profesorado do IES A Illa, que percibiu no alumnado unha actitude xeral de rexeitamento cara ás persoas de fóra. “Pareceunos moi importante poder estender esa solidariedade interna cara o exterior, tomando como referencia un país presente nos medios de comunicación pola chegada masiva de inmigrantes ás nosas costas”, explican na web. Un bo proxecto de educación intercultural, que tamén ten o seu blog.

Arte-reciclaxe

Andrés Pérez, no Chufre, vendendo as súas creacións nun día de verán

Isto do “drap art”, o nome co que as vangardas artísticas contemporáneas bautizaron a reciclaxe creativa, xa o leva practicando Andrés Pérez, “o vaquilla”, dende hai anos na Arousa. Evolucionou da creación de artiluxios e disfraces de Carnaval con todo tipo de obxectos usados, ás pequenas esculturas con chapas de latas de bebida. No verán, Andrés monta de vez en cando un posto no Chufre e alegra os turistas que prefiren mercar agasallos máis orixinais que os típicos suvenirs que se comercializan nas tendas, eses pratos decorativos folclóricos e eses piornos de cerámica “Recuerdo de la Isla de Arosa” que son iguais en todas partes de Galicia. Ademais, Andrés tamén pinta.

1 de abr. de 2008

Ela, ribeirinha


Baixo este título estreouse o pasado mes de febreiro nunha sala de cine de Barcelona a curtametraxe que o vigués Pedro Vila rodou na Arousa en setembro do 2006, con Pilar Bardem como actriz principal. Ela, ribeirinha dura dez minutos e conta a historia dunha muller de 75 anos, que todos os días agarda no mesmo con a volta do seu marido, teoricamente morto na Guerra do 36. A rodaxe foi todo un acontecemento na illa e contou coa participaron entusiasta de moitos veciños, sobre todo mulleres, que tiveron que repetir varias veces unha escena saíndo da igrexa vestidas de loito. A ver cando se proxecta na Arousa!