A revolta é inminente. Un bateeiro gaña hoxe a metade do que gañaba hai dez anos. A forte caída de prezos (o mexillón págase a 40 céntimos o quilo), os problemas de xestión do sector e o encarecemento dos custos sumiu nunha profunda crise aos bateeiros, que parece que van recibir o golpe de gracia desde a propia Consellería de Pesca.
A nova Lei de Pesca, pendente de aprobación en calquera momento polo Consello da Xunta, prepara o terreo para a saída do sector dos pequenos produtores. En primeiro lugar, as bateas deixarán de ser transferibles entre familiares. En segundo lugar, e o máis preocupante para os implicados, tras trinta anos de actividade, a explotación sairá a concurso público sen que os propietarios que traballaron a batea de sempre teñan ningunha prioridade nin dereito de concesión preferente. Tendo en conta que a maioría das bateas da ría de Arousa teñen esta antigüidade, isto suporía a perda da concesión por parte dos actuais traballadores, moitos deles inmersos en fortes investimentos dos que aínda non se puideron recuperar.
O baremo que se valorará no concurso público deixa, ademais, ao bateeiro tradicional fóra de xogo, fronte ás empresas e multinacionais da pesca. Entre outras cousas, esixirase un plan de xestión e viabilidade, un estudio de explotación e a disposición de “persoal técnico” cualificado. Para rematar, as organizacións de produtores síntense enganadas pola Consellería de Pesca, que tivo en conta as súas alegacións de palabra, pero non no papel.