29.3.08

Golpe de gracia de Pesca aos bateeiros

Descarga de mexillón no Chufre

A revolta é inminente. Un bateeiro gaña hoxe a metade do que gañaba hai dez anos. A forte caída de prezos (o mexillón págase a 40 céntimos o quilo), os problemas de xestión do sector e o encarecemento dos custos sumiu nunha profunda crise aos bateeiros, que parece que van recibir o golpe de gracia desde a propia Consellería de Pesca.
A nova Lei de Pesca, pendente de aprobación en calquera momento polo Consello da Xunta, prepara o terreo para a saída do sector dos pequenos produtores. En primeiro lugar, as bateas deixarán de ser transferibles entre familiares. En segundo lugar, e o máis preocupante para os implicados, tras trinta anos de actividade, a explotación sairá a concurso público sen que os propietarios que traballaron a batea de sempre teñan ningunha prioridade nin dereito de concesión preferente. Tendo en conta que a maioría das bateas da ría de Arousa teñen esta antigüidade, isto suporía a perda da concesión por parte dos actuais traballadores, moitos deles inmersos en fortes investimentos dos que aínda non se puideron recuperar.
O baremo que se valorará no concurso público deixa, ademais, ao bateeiro tradicional fóra de xogo, fronte ás empresas e multinacionais da pesca. Entre outras cousas, esixirase un plan de xestión e viabilidade, un estudio de explotación e a disposición de “persoal técnico” cualificado. Para rematar, as organizacións de produtores síntense enganadas pola Consellería de Pesca, que tivo en conta as súas alegacións de palabra, pero non no papel.

7 comentarios :

Anónimo dixo

Espero que o que pretende facer pesca provoque a repulsa unanime do sector. Primeiro danme cartos para que invirta nun barco e os 10 anos que fago con el,(paseo pola ria).Usannos para o que lles interesa, un exemplo,co Prestige ibamos a arruinarnos e ahora eles son peores que o Prestige cen veces. Politicos caciques. Espero a Nunca Mais protestando pola defensa dos mariñeiros galegos. Xa veremos

Anónimo dixo

Esto da Xunta e moi facil as concesions quereas vender o mellor postor que vai a ser o mais forte e o que mais cartos teña. Politicas de esquerdas da nosa Xunta, se o Bng apoia a Conselleira de pesca nesta locura, para min perderia toda credibilidade. Pareceme de coña.E o da legalidade que llo digan a outro non se fai o que non se quere eso e algo clarisimo. Fan o que lles da a gana e na mais.

Anónimo dixo

Os mariñeiros, sen axuda de nadie, tiveron a iniciativa de crear, alá polos anos 50, a industria do cultivo de mexillón. Non houbo apoio científico nin técnico. Os bateeiros valéronse por si mesmos ata crear unha industria que se foi mecanizando.
Agora, que xa resulta máis fácil cultivar o mexillón queren eliminar aos inventores para que se meta o gran capital que non se interesou mentres o que todo funcionaba mediante a forza bruta da mán de obra.
Non me parece serio nin creo que esto vaia adiante. Quizáis o que pretenden é que as explotacións conten con profesionais cualificados. Hoxe en día é necesario posuir un título, e uns coñecemento, para todo. Realmente eso é bo para obter un máximo rendemento; pero sería unha locura que se fixera para poñer a explotación das bateas en máns dos grandes capitais. Sería un roubo, ¡vamos!

Anónimo dixo

Un técnico recien titulado pouco lle pode aprender a un bateeiro/a que leve anos levantandose ás 5 da manán para traballar no Mar. Mais ben é ó revés.
Nestes momentos ata vai facer falta o "título" de manipulador de alimentos pa faser unha tortilla de patacas na casa.

Anónimo dixo

Revolta Popular Xa!
O que hai que facer e sair a rua e darlle unha patada no cú aos burgueses eses.

nailla dixo

Parece que Pesca recúa. A conselleira reuniuse esta mañá en Vilagarcía coa comisión que representa o sector mexilloeiro para tranquilizar os ánimos e presentar un novo documento que se achega máis ás propostas plantexadas polos bateeiros.

Aínda bo é que o sector conseguiu xuntar esforzos e poñerse de acordo nesta loita común. Na comisión están representados o Consello Regulador e todas as agrupacións de produtores (Norte, Illa, Cabo da Cruz, Amegrove e Omega).

Anónimo dixo

A politica apesta, queren roubarnos as bateas para darllas as grandes empresas e o sector non esta unido, varias agrupacións votaron que si a ley de pesca, que toleria.
Pasa o mesmo que cando foi do prestige que moitos dos que mandaban non apollaban a xente por politica.
Cando se daran conta que os politicos so miran por eles, da igual pp que psoe.
TEMOS QUE LOITAR TODOS XUNTOS.

E ti que dis?

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A dirección eliminará os comentarios que estime conveniente. As peticións para borrar comentarios non serán atendidas. A participación implica a aceptación destas condicións.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...