Buscar neste blog

18 de maio de 2007

Comeza a tempada de regatas de dornas a vela


Calendario das regatas de dornas a vela que se celebrarán na ría de Arousa nos vindeiros meses

Xuño
Día 9
III Trofeo Fasquía, na Illa de Arousa, organizada pola Asoc. Fasquía.
Día 16
Regata da Area Seba, no Grove, organizada pola A.D. Meca.
Día 30
XXIII Volta á Illa de Arousa, organizada pola A.C. Dorna. Unha das regatas máis longas no seu percorrido.

Xullo
Día 14
Regata dos faros, no Grove, organizada pola A.D. Meca. Abarca tres faros no noroeste da ría.
Día 21
Regata da dorna, en Ribeira, organizada por Lajareu por Barlovento.

Agosto
Día 4
Regata do Bao, na Illa de Arousa, organizada pola A.C. Dorna. A saída efectúase desde terra, co pau na man e a vela sen montar.
Día 18
VIII Regata do Albariño, en Cambados, organizada pola C.M. Salnés. Faise ao mediodía e adoita quedar en calmada.
Día 25
Regata Calmoseira, entre Cambados e a Illa. A máis nova en chegar ao calendario, organizada pola asociación Calmoseira, que está a traballar na recuperación do galeón “Avelino e Manuel”.

O libro máis agardado

Á fin podemos ver editado o libro sobre a historia da Illa que prepararon o historiador Vila Fariña, gran coñecedor dos aconteceres do pasado da comarca do Salnés, e Xoan Dopico. Esta completa obra de investigación, que partiu dos traballos xa realizados polo finado Manolo Lojo, levaba anos agardando a súa publicación, e constitúe o único compendio sobre a historia da vila arousá existente na actualidade. O Concello vai distribuír un libro por cada casa. Benvido sexa.

Stoichkov dálles unha alegría aos Carcamáns Celestes

Stoichkov á súa chegada á Arousa

Lequi acompañado dun seareiro e co libro sobre a historia da Illa na man



¡Quen ía pensar, nos mellores tempos de Stoichkov como xogador do F.C. Barcelona, que algún día pisaría a Arousa! Pois fíxoo o pasado 16 de maio, como adestrador do Celta, convidado á cea anual que organiza o grupo de seareiros celtistas Carcamáns Celestes. O búlgaro chegou á Illa acompañado dos xogadores Cannobio e Lequi, ante a expectación de nenos e non tan nenos.
A Illa conta cunha gran afección ao club de fútbol vigués. O grupo Carcamáns Celestes conta con 426 socios (case o 10% da poboación da Illa) que comparten 130 carnés de abonados que lles permiten acudir en quendas a Balaídos cada quince días.