28.5.07

Análise: Os resultados electorais (II)


O PSOE recunca na alcaldía
A candidatura do PSdG-PSOE, encabezada polo actual alcalde, José Manuel Vázquez, acadou a maioría absoluta ao conseguir 6 dos once concelleiros. Os socialistas controlarán a alcaldía por terceira lexislatura consecutiva e logran mellorar os resultados das eleccións municipais de 1999 e de 2003, nas que obtiveron 5 concelleiros, aínda que en número de votos o incremento é so de 87 papeletas. O descontento veciñal pola política urbanística non desgastou o partido tradicionalmente máis votado.

O PP sobe en votos, pero non en concelleiros
O Partido Popular da Illa revalida os catro concelleiros que xa acadara nas municipais anteriores. Aínda que é a forza que máis sobe, ao lograr 180 votos máis que nos comicios de 2003, este incremento non foi de abondo para lograr ese quinto concelleiro que lle roubaría a maioría absoluta aos socialistas. O PP desenvolveu unha intensa campaña electoral na que se implicou directamente o presidente da Deputación de Pontevedra, Louzán.

O BNG recupera electorado
Aínda que mantén un único concelleiro, o Bloque Nacionalista Galego é, despois dos populares, a forza política que máis medrou nestas municipais, ao pasar de 274 votos en 2003, aos 437 actuais. O cabeza de lista, Carlos Otero, case logrou dobrar o apoio do electorado na primeira vez que concorre ás municipais. Porén, o seu partido deixa de ser “chave” no concello arousán. Os mellores resultados desta forza foron en 1999, cando acadou 469 votos.

0 comentarios :

E ti que dis?

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A dirección eliminará os comentarios que estime conveniente. As peticións para borrar comentarios non serán atendidas. A participación implica a aceptación destas condicións.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...